Thursday 09 de May de 2024

Abre as súas portas en Frades o MUFRA, único museo de etnografía e de historia na comarca de Ordes


O proxecto reúne pezas da antiga colección de apeiros de labranza e achegas realizada pola veciñanza do municipio co obxectivo de recoller e amosar a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados

O Museo da cultura e tradicións de Frades (MUFRA) abriu as súas portas esta fin de semana no segundo andar do edificio multiúsos. Un proxecto que reúne pezas da antiga colección de apeiros de labranza do Concello de Frades e outras pezas relacionadas co traballo no rural do municipio, achegados pola propia veciñanza.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que con este proxecto “queremos recoller e amosar ás futuras xeracións a rica herdanza que nos deixaron os nosos antepasados, dar a coñecer a súa forma de vida, os seus costumes e a súa forma de vida a través de obxectos, documentos e rexistros fotográficos”. Neste sentido, puxo en valor a colaboración dos veciños e veciñas de Frades pois “coa súa axuda desinteresada recuperaremos e garantiremos que o noso patrimonio cultural non desapareza nunca”.

De feito, e a pesar da súa apertura, o Museo de Frades continúa aberto á cesión de calquera peza, documento ou fotografía por parte dos veciños e veciñas de Frades. Para iso, só é preciso chamar ao Concello de Frades (981 695 567) ou ao coordinador do Museo, os historiador Manuel Pazos (680 824 910). “Ocuparémonos de recoller as pezas ou as fotografías e, se é preciso, elaboraremos un documento de doazón, cesión temporal ou depósito”, explica Manuel Pazos.

Gran afluencia

A pesar da choiva, centos de veciños e veciñas achegáronse ao longo da tarde do sábado ao MUFRA para coñecer as súas seccións:

– Arqueoloxía: material relacionado co mundo das medorras, coa cultura castrexa e coa romanización
– Etnografía: elementos propios dunha casa rural, apeiros de labranza e dos oficios tradicionais: labrega, carpinteiro, cesteiro, ferreiro, tecelá, zoqueiro, costureira, telleiro… É a que ocupa maior espazo.
– Tecidos: proceso do liño, tear, lá…
– Tecnoloxía: cámaras fotográficas analóxicas, fotografías, casetes, tocadiscos, teléfonos, máquinas de escribir…
– A escola de antes: encerados, pupitres, mapas, manuais escolares, xogos…
– Música tradicional: gaitas, pandeiretas, pandeiros, tambores…

As seccións máis concorridas durante a xornada de portas abertas foi a selección de fotografías antigas de Frades, nas que practicamente todos os visitantes recoñecían a algunha ou algún familiar ou amizade. Así mesmo, resultou especialmente curioso ver como os avós e avoas ensinaban aos seus netos e netas a xogar cos xoguetes en madeira que utilizaban eles de pequenos. O grupo Faíscas da Pontraga foi o encargado de poñer a nota musical á xornada.

O Museo da cultura e tradicións de Frades (MUFRA) está incluído no proxecto Centro de Cultura Tradicional “A Herdanza do Pasado”, un proxecto promovido polo Concello de Frades que inclúe tanto a creación deste Museo de Frades como a cooperación e financiamento de actividades paralelas dirixidas á conservación das tradicións rurais do municipio, como puideron ser a celebración dun magosto en Aiazo, a exposición etnográfica da I Festa do Rural de Frades, a Festa da Filloa de Abellá ou a próxima Festa da Merenda de Aiazo, deste domingo 2 de abril. A recollida e posta en valor das pezas do museo foi labor da empresa “Acervo. Acción cultural”, dirixida por Manuel Pazos.

O proxecto está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration e en cuxa xestión participan a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A concesión da axuda está apoiada pola Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 2021-2022.